NOR-WATER
Que son os CE?
Os contaminantes emerxentes (CE) son compostos de diversa orixe e natureza química para os que a presenza no medio ambiente non foi considerada no pasado e, polo tanto, están pouco estudados a nivel científico. Tamén se lles denomina de maneira mais correcta como contaminantes de interese emerxente e, en moitos casos descoñécese se constitúen un risco ecolóxico ou presentan potenciais efectos adversos sobre a saúde (Dulio et al., 2018; Water JPI, 2018).
Comprenden unha ampla gama de compostos químicos, farmacéuticos, de coidado persoal, pirorretardantes, axentes tensioactivos, plastificantes e aditivos industriais. A maioría destes compostos están aínda sen regular pero poden ser candidatos a unha regulación futura dependendo das investigacións relacionadas coa súa presenza e incidencia no medio, así como dos posibles efectos nocivos sobre a saúde.
En 2015 a Unión Europea puxo en marcha unha lista de observación ou “Watch List” (Decisión 2015/495) para monitorizar, entre outros, estes contaminantes no ámbito da Directiva Marco da Auga (DMA) de cara a unha posible regulación no futuro.