O pasado 4 de decembro, o proxecto NOR-WATER participou no seminario web “Oportunidades de colaboración e desenvolvemento tecnolóxico para a prevención e mitigación de contaminantes emerxentes”, organizado pola Plataforma Tecnológica Española del Agua (PTEA) en colaboración coa Plataforma Tecnológica para la Protección de la Costa y del Medio Marino (PROTECMA).
A conferencia online, que contou con máis de 100 asistentes, tiña como obxectivo abordar o problema dos contaminantes emerxentes e as súas consecuencias nos seres vivos e no medio natural. Durante a xornada presentáronse diferentes iniciativas dirixidas á súa detección, análise dos seus efectos e posibles medidas de mitigación e eliminación, así como posibles oportunidades de financiamento.
Por parte de NOR-WATER, Nieves Carro, xefa da unidade de organoclorado, INTECMAR e José Benito Quintana, profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela fixeron unha presentación conxunta do proxecto e da rede NOR-WATER. Durante a súa intervención presentaron as actividades que se están a levar a cabo, as áreas de estudo, os criterios para priorizar os contaminantes emerxentes, os protocolos analíticos, os estudos toxicolóxicos e as tecnoloxías que se están a desenvolver para o tratamento das augas residuais.