NOR-WATER
Actividades
1. Definición de áreas de estudo dos contaminantes emerxentes (CE)
Esta actividade ten como principal obxectivo a recollida de datos existentes sobre a presenza de CE coñecidos e descoñecidos en diferentes EDAR e en augas superficiais da rexión norte de Portugal e Galicia. Preténdese desenvolver ferramentas analíticas e estratexias para a identificación de CE en augas superficiais e residuais. Nestas zonas os CE poderían ter a súa orixe nas distintas actividades industriais e urbanas que se levan a cabo nestas rexións, así como nas augas de escorrentía en solos afectados por incendios.
Nesta actividade priorizaranse os CE a estudar nas restantes actividades do proxecto (transformación de CE, modelización, eliminación mediante tratamentos avanzados e avaliación de risco e estudos ecotoxicolóxicos). Doutra banda, esta actividade permitirá definir a localización dos puntos de mostraxe e seleccionar as EDAR a estudar nas distintas bacías hidrográficas, tendo en conta as zonas máis afectadas pola presenza de CE.
Esta actividade será coordinada por INTECMAR contando co apoio da USC e das axencias encargadas da xestión da auga en ambas as rexións.
Resultados esperados:
- Identificación das fontes de CE nas áreas seleccionadas
- Desenvolvemento de ferramentas analíticas para o estudo de CE e os seus Produtos de Transformación (PT)
- Priorización de CE a estudar
2. Destino e transformación dos CEs, e modelización do seu comportamento: ferramentas para a súa monitorización
O obxectivo desta actividade é estudar o transporte ambiental, degradación, destino e comportamento dos CE identificados na actividade 1. Preténdese estudar o comportamento dos CE nas EDAR de estudo considerando os distintos tratamentos aplicados, e facendo especial fincapé nos tratamentos biolóxicos e terciarios, tendo en conta os CE precursores, pero tamén os seus Produtos de Transformación (PT). Isto permitirá avaliar a eficacia de varias EDAR e contribuír ao desenvolvemento de tratamentos que potencien a eliminación dos CE.
Doutra banda, preténdese identificar os PT formados durante os procesos de tratamento de augas ou durante o seu transporte nas masas de auga, e a súa concentración con respecto ao composto parental. Finalmente, preténdense elaborar modelos de distribución dos CE e os seus PT en augas doces superficiais e de transición (rías e estuarios) e identificar as localizacións máis relevantes para a localización de estacións de mostraxe para futuras accións de monitorización ambiental.
Estas accións permitirán establecer a metodoloxía para o seguimento ambiental deste tipo de sustancias por parte das administracións e entidades competentes en materia de xestión de augas, así como coñecer o risco e impacto destes CE na produción de moluscos e noutras comunidades biolóxicas sensibles, permitindo optimizar as redes de control e monitorización da calidade das augas.
Esta actividade está coordinada pola USC, co apoio de INTECMAR, FEUP, CIIMAR e APA.
Resultados esperados:
- Estudo da transformación dos CE priorizados
- Estudo da concentración dos CE e as súas taxas de eliminación nas EDAR
- Estudo da dispersión e modelización de CE e compostos procedentes de escorrentía e lixiviación de solos suxeitos a incendios
3. Desenvolvemento de nanotecnoloxías para o tratamento de augas residuais
O principal obxectivo desta actividade é a avaliación e demostración da eficiencia de reactores con membranas antifouling, a escala de laboratorio e a escala piloto, na eliminación de CE presentes en augas residuais urbanas na etapa de tratamento, con vistas á reutilización das augas residuais e a contribuír á xestión sustentable dos recursos hídricos e a protección dos ecosistemas.
Preténdese que a actividade catalítica / electrocatalítica da membrana aumente a súa permeabilidade, hidrofobicidade e propiedades antifouling, xerando un permeado, ou filtrado, de elevada calidade, e un concentrado, ou retido, cunha carga orgánica baixa. As membranas funcionalizadas permitirán a permeación de pequenas moléculas e auga a través dos seus poros (función de separación) e simultaneamente á súa actividade catalítica / electrocatalítica permitirá a degradación dos contaminantes orgánicos depositados na superficie da membrana, evitando o fouling.
Esta actividade está coordinada por FEUP, co apoio da USC e CIIMAR.
Resultados esperados:
- Desenvolvemento de membranas funcionalizadas con propiedades antifouling
- Desenvolvemento de reactores de membrana electrocatalítica / fotoelectrocatalítica para a eliminación de CE presentes en augas residuais domésticas recollidas nas EDAR.
4. Desenvolvemento de novas ferramentas de modelización e ecotoxicolóxicas para avaliar o risco ambiental dos CE
O risco dunha substancia emerxente está asociado con varios parámetros. De acordo co regulamento europeo de produtos químicos (REACH, Rexistro, Avaliación, Autorización e Restrición de substancias químicas), as substancias que presenten unha elevada capacidade de bioacumulación e biomagnificación ou que sexan canceríxenas, mutaxénicas ou tóxicas para a reprodución, presentan un risco máis elevado. En paralelo, mentres estes criterios non sexan verificados ou se descoñezan, serán tamén substancias de elevada preocupación aquelas que actúen como disruptores endocrinos. Así para avaliar o risco dun CE ou un PT é esencial coñecer, ademais da súa concentración no ambiente, a súa capacidade para bioacumular e biomagnificar a súa toxicidade.
Esta actividade ten como obxectivo determinar o factor de bioacumulación dos CE e PT prioritarios (e tamén dos químicos e derivados presentes en escorrentías de incendios forestais identificados nas actividades anteriores) e utilizar modelos toxicocinéticos para modelar o seu comportamento en organismos. Ademais, determinarase a toxicidade dos CE e PT e definiranse os compostos que presentan un elevado risco. Empregaranse modelos animais en test ecotoxicolóxicos que permitan unha avaliación rápida, con alta sensibilidade, baixo custo e alta capacidade de replicación, como é o caso dos embrións de peixe cebra (Danio reiro). Por último preténdese caracterizar o modo de acción dos CE estudados, e desenvolver ferramentas bioquímicas e moleculares que permitan identificar a disrupción de vías metabólicas e propoñer novos biomarcadores.
Resultados esperados:
- Estudos de bioacumulación, metabolismo e toxicocinética
- Avaliación da toxicidade dos CE prioritarios de estudo e identificación daqueles que representan un elevado risco.
- Estudo do modo de acción dos CE para mellorar a avaliación de risco destes compostos
5. Organización de actividades de educación ambiental e transferencia de coñecementos e tecnoloxía de NOR-WATER
No marco das actuacións de comunicación e difusión do proxecto, está prevista a organización de actuacións de formación ambiental, de difusión e sensibilización. Para iso elaborarase un caderno didáctico de traballo sobre contaminación fluvial e costeira e levarase a cabo un programa de recollida de lixos na ribeira de zonas fluviais ou na costa. Ademais, poñerase en marcha un programa de visitas ornitolóxicas de sensibilización ambiental sobre a contaminación en praias e ríos de zonas estuáricas que incluirá a organización de exposicións, xornadas de sensibilización sobre microplásticos, fitofármacos e outros CE, e a elaboración de publicacións sobre patrimonio natural, valor ecolóxico dos ecosistemas e a súa protección.
Doutra banda, os coñecementos, ferramentas e tecnoloxías desenvolvidos en NOR- WATER serán transferidos aos distintos “usuarios finais” (administracións, laboratorios de control, empresas, centros tecnolóxicos, etc.) que teñan capacidade de absorber e utilizar o coñecemento xerado. Para iso crearase unha estrutura de colaboración público-privada na temática dos CE que sexa sostible máis aló da vida do proxecto e que permita o intercambio de coñecementos, a identificación de necesidades e prioridades, e avanzar nas capacidades de detección, control e mitigación dos CE e o seu impacto nos ecosistemas e na saúde pública.
Resultados esperados:
- Creación e implementación dunha estrutura de colaboración público-privada na temática dos contaminantes emerxentes
- Organización de actividades transfronteirizas de educación ambiental para promover a concienciación e sensibilización da sociedade