O próximo 15 de marzo celebraremos a Conferencia Final do proxecto NOR-WATER “Contaminantes Emerxentes nas augas de Galicia e Norte de Portugal: Novas ferramentas para a Xestión do Risco”, que terá lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR en Vigo en formato presencial.
Cofinanciado polo Programa de Cooperación INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) e coordinado por CIIMAR, o proxecto NOR-WATER finaliza despois de tres anos de traballo coa participación de socios da rexión Norte de Portugal (FEUP- UP, APA- ARH Norte, CMIA-CMVDC, Aquamuseu-CMVNC) e de Galicia (Universidade de Santiago, INTECMAR e CETMAR, coa colaboración de ANABAM).
O obxectivo da conferencia final é presentar os resultados obtidos no proxecto en relación coa detección, análise química e toxicolóxica, monitorización, modelización ecolóxica e remediación dos contaminantes emerxentes nas augas superficiais de Galicia e Norte de Portugal. Presentaranse tamén as actividades de formación e sensibilización ambiental levadas a cabo no proxecto e daranse todos os detalles sobre a creación da Rede NOR-WATER.
O programa da xornada incluirá ademais a participación de expertos de referencia no estudo dos contaminantes emerxentes, que presentarán outras iniciativas en marcha en Galicia e no Norte de Portugal relacionadas con esta temática. Finalmente, unha mesa redonda na que participarán os poñentes convidados abrirá un espazo de debate e intercambio de ideas cos asistentes ao evento.
As persoas interesadas en asistir ao evento, que terá lugar na Sala Cíes, na 3a planta do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, deberán inscribirse a través do seguinte formulario: https://cetmar.org/seminarios/NorwaterFinal/.